Solombo de porco con cereixas de Chantada sobre galleta mariñeira
Receitas October 29th, 2009
Unha receita de Colineta
Hai tempo que anda a foto polo meu escritorio pero sempre aparecía nun momento en que non podía publicala. Hoxe si vai.
Foi a comezos de verán que tiña unhas cereixas de Chantada, das que alí chaman “da onza” e no Valadouro “blancás“, que para min son unha das variedades máis deliciosas que hai desta froita, por moito que a pinta exterior non sexa moi boa, xa que se trata de cereixas que teñen un lado vermello e outro branco (de onde ven o nome) que lles fai parecer que non están maduras. O sabor é delicioso e unha vez cociñadas son unha explosión de sabor na boca. Quen sempre se teña preguntado de onde ven o sabor que teñen os xeados de cereixas que probe a cociñar unhas blancás e dará con el de inmediato.
A receita de hoxe é moi sinxela. Tórase o solombo de porco en rodas delgadas e de inmediato frítese na tixola con aceite ben quente. Volta e volta rápida que se trata de carne moi tenra e que se fai moi rápido. Sálgase e reservase.
Na mesma tixola e co aceite sobrante saltéanse as cereixas, engadindo de seguido unha copiña dun bo vermú (nos andeis dos supermercados hai vermús de tipo tradicional que lle dan mil voltas ao martini e ademais custan a metade ou menos), que deixaremos reducir a lume vivo para de seguido servir a carne coas cereixas, napando co prebe que queda na tixola.
Neste caso derriba da galleta mariñeira presentase una roda de solombo cunha cereixa sen óso e molladiño cun chisco de prebe. Que aproveite.
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog Colineta
Daveiga, no blog do Gourmet de Provincias
Blogs October 14th, 2009
Onte publicábamos unha receita tomada do blog Diario del Gourmet de Provincias y su Perro Gastrónomo e inmediatamente dito blog se facía eco da súa presencia no espazo de DAVEIGA producción responsable, asegurando que o noso “es uno de los productos gallegos más interesantes de los últimos años“.
Agradecemos tanto as facilidades dadas polo autor do blog para reproducir nas nosas páxinas as súas receitas con galletas mariñeiras como as palabras de eloxio que ten para as mesmas
Berenxenas á parmesana (versión libre) sobre galleta mariñeira
Receitas October 13th, 2009
Unha receita de Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo
Un amigo tróuxome o outro día un paquete de galletas mariñeiras, o cal dáme a desculpa para seguir probando receitas coas que combinalas. Nesta ocasión simplemente adapteille un dos clásicos da nosa casa.
BERENXENAS Á PARMESANA (VERSIÓN LIBRE) SOBRE GALLETA MARIÑEIRA
Córtase a berenxena en rodas non demasiado grosas, sálgase e déixase escorrer sobre un papel unha media hora para que suavicen o sabor (este paso non é imprescindible coas berenxenas de produción intensiva que atopamos nos supermercado, menos amargas). Pasámolas por unha prancha quente ata que están cociñadas e reservámolas. Opcionalmente podemos pasar o tomate, igualmente cortado en rodas, pola prancha uns segundos. Cortamos tamén mozarella en rodas e, se nos apetece, aros finos de cebola que, no seu caso, pasaremos tamén pola prancha.
Nunha fonte de forno untada con aceite de oliva imos colocando unha roda de berenxena, sobre ela outra de tomate, encima unha de mozarella e para rematar (se queremos engadirlla) outra de cebola, formando unha especie de mini-lasagna individual. Continuamos facendo capas dos diferentes ingredientes ata onde nos interese, coidando de que a última sexa de tomate e mozarella sobre os que engadiremos un fío de aceite de oliva, un chisco de ourego e un pouco de albahaca fresca picada. Metemos ao forno, previamente quentado a uns 210º, e deixamos facer ata que o queixo funda sobre as rodas de berenxena, que deben ser as de maior tamaño.
Ao sacalas do forno espolvoreamos con queixo Parmesano ao gusto e, con coidado, colocamos sobre unha galleta mariñeira e servimos de inmediato.
As berenxenas da foto van en catro capas pero, sinceramente, é máis práctico preparalas de dúas se as imos a servir sobre a galleta, xa que así o resultado é menos fráxil e máis sinxelo para comer.
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo
Minihamburguesas de bonito ao curry con queixo de San Simón sobre galleta mariñeira
Receitas October 5th, 2009
Unha receita de Another Cow in the Corn
Ingredientes
Para as minihamburguesas
Bonito de Burela
Ceboleta
Xema ovo
Alcaparras
Mostaza de Dijon
Aceite de oliva virxe
Pementa branca moída
Sal
Para o enfariñado:
Fariña triga
Curry
Presentación:
Leituga rizada
Queixo de San Simón
Preparación
As mini hamburguesas.
Limpamos o bonito de pel, espiñas, sangue e calquera resto de visceras, e procedemos a picalo en anaquiños cun coitelo ben afiado. Aplicamos o mesmo tratamento á ceboleta, alcaparras e anchoas.
Posteriormente botámos todos estes ingredientes nun bol un a un, e remexemos para misturalos uniformemente. Engadimos progresivamente e remexendo entre un e outro, a mostaza de Dijon, o aceite de oliva virxe, a pementa branca que preferiblemente será moída no momento, e pirixel finamente picado.
Enfariñar e fritir
Misturamos nun prato fondo unha pouca fariña triga, con curry. Como todo, vai ao gusto de cada un, pero tentaremos non enmascarar demasiado o sabor do bonito.
Chegados a este punto teño que recoñecer que a idea inicial era a de facer albóndigas máis a falta de consistencia decantoume por premelas un pouco e fritilas con aceite de oliva, e así foi como se convertiron en hamburguesas.
Presentación
Finalmente, cubrimos a galleta mariñeira cunha pouca leituga crecha picadiña e pousamos a hamburguesa enriba desta.
Relamos un pouco de queixo de San Simón, e fundímolo cunha pá de queimar para potenciar o seu propio aroma afumado.
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog Another Cow in the Corn.
