Archivo para December 21st, 2009

Os consumidores premian as galletas mariñeiras Daveiga como “Sabor del año”

Novas December 21st, 2009

As galletas mariñeiras DAVEIGA, fabricadas en Chantada pola empresa DAVEIGA produción responsable obtiveron o recoñecemento de “Sabor del Año 2010″, un selo de calidade nacido en Francia hai máis dunha década e ao que se sumou España dende 2007.

DAVEIGA presentou para a súa avaliación polos consumidores as galletas mariñeiras clásicas, elaboradas con manteiga, e as galletas ecolóxicas, elaboradas con aceite de oliva. As galletas mariñeiras obtiveron a puntuación mais alta na categoría “Crackers, galletas salgadas e similares”.

O selo de calidade é concedido unicamente aos produtos de cada categoría que acadaron a maior puntuación despois de ser sometidos a catas cegas por parte de consumidores que non dispoñen de información sobre marcas nin procedencia dos produtos catados. Os catadores deben puntuar de cero a 10 a impresión xeral de cada produto catado, así como aspecto, aroma, textura e gusto. As catas realízanse en laboratorios de análise sensorial acreditados pola Entidad Española de Acreditación (ENAC) co fin de crear un escenario independente de calquera marca.

“Sabor del Año” é o único selo distintivo de calidade do sector da alimentación que se basea exclusivamente na valoración do produto polos consumidores tras unha degustación a cegas do mesmo.

A obtención deste selo de calidade representa para DAVEIGA un destacado recoñecemento ao traballo desenvolvido polos equipos de Calidade, produción e Marketing. Sobre todo por que é o único produto de España, recoñecido con esta distinción na categoría de “Crackers ou Galletas salgadas”

A entrega de galardóns producirase no marco da feira Alimentaria, que terá lugar en marzo do próximo ano en Barcelona. As galletas mariñeiras de DAVEIGA terán un espazo destacado dentro do stand de Sabor del Año nesta feira.

Outros galardóns

Este non é o primeiro galardón obtido polas galletas mariñeiras en función da súa calidade. Xa na pasada primavera foron distinguidas cunha estrela polo International Taste & Quality Institute (iTQi), polo seu sabor, aroma, textura e presentación. Entón era a primeira vez que un produto da industria alimentaria galega recibía ese galardón, que outorga o iTQi, organización radicada en Bruxelas e integrada por chefs e sumilleres e dedicada a avaliar e promover os alimentos de calidade en Europa.

As galletas mariñeiras DAVEIGA son unha forma de pan moi innovadora para o século XXI malia que a súa orixe veña do século XV en que constituían a base da alimentación dos barcos españois e portugueses que se lanzaron á conquista do mundo. Daquela recibían tamén o nome de biscoito e pan de barco.

Producidas en Chantada (Lugo) o emprego de materias primas producidas ou transformadas en Galicia representan mais do 90%. Fariña de trigo do país e de trigo ecolóxico, fariña e extracto de malte, manteiga, aceite de oliva, lecitina de soia e lévedo natural son os ingredientes das distintas variedades de galletas, que se comercializan en cinco presentacións: galletas mariñeiras clásicas con sal, sen sal, especiais para canapés, con aceite de oliva e con algas galegas. As dúas últimas variedades están amparadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

blank