Sopa de cebola con galleta mariñeira
Receitas January 22nd, 2010
Una receta de Colineta
Makeijan publica unha escolma de receitas con galletas mariñeiras e lembrou que tiña esta foto sen publicar.
Trátase, como di o título, dunha sopa de cebola na que substituín o pan torrado por unha galleta mariñeira derriba da que puxen o queixo para despois gratinalo. O resultado gustoulle a toda a familia, inda que para o meu gusto a galleta estaba demasiado enteira cando o que eu buscaba era que se empapara no caldo.
A preparación da sopa é moi sinxela: abondo cebola picada que se doura nunha mestura de manteiga de vaca (o toque francés) e aceite de oliva ata que colle unha cor moi subida, pero sen que chegue a queimarse. De seguido engádese un caldo que xa teremos preparado, salpementase e deixase cocer para rematar finalmente triturar co batedor. Tamén se pode suprimir o triturado, deixando a cebola en anacos. Para rematar póñense as galletas mariñeiras, cóbrense de abundante queixo e gratínase para que se funda. Inicialmente pensaba poñer queixo do Cebreiro, que me gusta moito cómo funde, pero como non tiña naquel momento empreguei un enmental relado.
¡Ollo, que queima!
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog Colineta
Galleta mariñeira con champiñóns en vinagre
Receitas January 11th, 2010
Unha receita de La cocina delokos
Ingredientes
400g de champiñóns, pequenos, pechados e moi frescos – 6 dentes de allo – perexil fresco – vinagre de sidra- aceite de oliva virxe extra – sal – galletas mariñeiras
Cortar os pés deixando un pouco, e limpar os sombreiros dos champiñóns cun papel de cociña. Preparámolos en láminas medias, cun coitelo ou ben coa axuda dun cortador de ovos, o que facilita moitísimo a tarefa, e permite obter grosores iguais. Pómolos nun cazo, e mollamos con abundante vinagre de sidra cun pouco de sal, sen cubrilos completamente, removéndoos de cando en vez, un total dunha hora e media, máis ou menos.
Escorrémolos moi ben dentro dun coador grande, un bo intre. Mentres tanto, picamos moi fino o allo e o perexil fresco. Mesturámolos cos champiñóns, e, ou ben os deixamos nun cazo, ou ben os pomos nun bote, e cubrímolos con aceite de oliva virxe extra. Deixamos macerar, na neveira, 36 horas antes de consumir.
Desde que probei así preparados os champis, chamo a esta receita “boqueróns vexetarianos” porque teñen a mesma textura, e atreveríame a dicir que practicamente o mesmo sabor, que os boqueróns en vinagre. Iso si, garantido 100% libre de anisakis
A receita dos champiñóns en vinagre saqueina do blog de Puntiyo, La cocina de mi casa, con algunha pequena variación, como que os tiven só hora e media en vinagre de sidra, e non os lavei previamente, senón tan só limpado con papel de cociña, para eliminar os restos de terra, xa que ao lavalos compórtanse como esponxas, absorbendo moitísima auga.
A galleta mariñeira é un complemento excelente a este prato, tanto polo seu sabor como polo feito de que permite servilo a modo de snack. Poderiamos pórlle, tamén, unha pequena folla de leituga debaixo, para dar máis sabor e un toque extra de cor.
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog La cocina delokos