As galletas mariñeiras na Alimentaria de Valladolid

Novas March 16th, 2009

DAVEIGA produción responsable participa coas súas galletas mariñeiras na feira “Alimentaria Castilla y León”, que se celebra en Valladolid do 15 ao 18 de marzo e que constitúe a principal feira do sector da alimentación que ten lugar na comunidade veciña.

Coa súa presenza en Valladolid DAVEIGA produción responsable comeza a súa expansión polo resto de España, despois de que nos primeiros anos de actividade centrase a súa comercialización fundamentalmente en Galicia, con pequenas incursións nos mercados de Madrid, Castela A Mancha, Andalucía, Cataluña, Murcia e Portugal.

Ademais das galletas mariñeiras tradicionais, en Valladolid estarán presentes as novas modalidades elaboradas con fariña de alga wakame e as ecolóxicas elaboradas con aceite de oliva, recentemente incorporadas á gama de produtos da empresa.

Coñecidas como “pan mariñeiro”, “pan de barco” ou “biscoito”, as galletas mariñeiras abasteceron aos grandes navíos dende o século XV. Era a mellor forma de conservar o pan nas grandes travesías. Daquela eran as fábricas de Neda as que provían deste produto aos barcos da armada radicados no porto de Ferrol. As galletas mariñeiras volveron ao mercado, tras séculos de ausencia, da man de DAVEIGA produción responsable, empresa radicada no concello lucense de Chantada e que comezou a súa andadura no ano 2005.

Recentemente DAVEIGA produción responsable converteuse na primeira empresa do sector agroalimentario galego en recibir os certificados de Seguridade Alimentaria (ISO 22000 e IFS); de Calidade (ISO 9001) e Medio Ambiente (ISO 14001), entregados polo director de AENOR en Galicia, Martín Pita, o pasado 4 de febreiro.

En 2008 a empresa elaborou 70.000 quilos de galletas mariñeiras, acadando unha facturación de 300.000 euros. Cabe salientar se trata dunha sociedade limitada laboral, na que tódolos traballadores son á súa vez socios da mesma.

blank