Galleta mariñeira con champiñóns en vinagre
Receitas January 11th, 2010
Unha receita de La cocina delokos
Ingredientes
400g de champiñóns, pequenos, pechados e moi frescos – 6 dentes de allo – perexil fresco – vinagre de sidra- aceite de oliva virxe extra – sal – galletas mariñeiras
Cortar os pés deixando un pouco, e limpar os sombreiros dos champiñóns cun papel de cociña. Preparámolos en láminas medias, cun coitelo ou ben coa axuda dun cortador de ovos, o que facilita moitísimo a tarefa, e permite obter grosores iguais. Pómolos nun cazo, e mollamos con abundante vinagre de sidra cun pouco de sal, sen cubrilos completamente, removéndoos de cando en vez, un total dunha hora e media, máis ou menos.
Escorrémolos moi ben dentro dun coador grande, un bo intre. Mentres tanto, picamos moi fino o allo e o perexil fresco. Mesturámolos cos champiñóns, e, ou ben os deixamos nun cazo, ou ben os pomos nun bote, e cubrímolos con aceite de oliva virxe extra. Deixamos macerar, na neveira, 36 horas antes de consumir.
Desde que probei así preparados os champis, chamo a esta receita “boqueróns vexetarianos” porque teñen a mesma textura, e atreveríame a dicir que practicamente o mesmo sabor, que os boqueróns en vinagre. Iso si, garantido 100% libre de anisakis
A receita dos champiñóns en vinagre saqueina do blog de Puntiyo, La cocina de mi casa, con algunha pequena variación, como que os tiven só hora e media en vinagre de sidra, e non os lavei previamente, senón tan só limpado con papel de cociña, para eliminar os restos de terra, xa que ao lavalos compórtanse como esponxas, absorbendo moitísima auga.
A galleta mariñeira é un complemento excelente a este prato, tanto polo seu sabor como polo feito de que permite servilo a modo de snack. Poderiamos pórlle, tamén, unha pequena folla de leituga debaixo, para dar máis sabor e un toque extra de cor.
Tanto a receita como a fotografía que a acompaña foron tomadas, con autorización do propietario, do blog La cocina delokos